Igrexa Parroquial de Santiago de Lindín
A primeiras referencias sobre a existencia dunha igrexa en Lindín témoas en 1261 cando o bispo Nuño II Pérez fai doación da mesma á mesa capitular da Catedral, pero descoñecemos a localización desta construción orixinaria. Hoxe en día consérvase o topónimo de Igrexa Vella, pero lonxe do lugar onde fica a actual construción.
Esta, que hoxe podemos ver, foi construída no século XVIII e reformada no XIX. Consta de tres partes: nave rectangular, capela maior cadrada á que se accede a través dun arco triunfal e sancristía adosada a continuación desta e que presenta un tamaño menor que o resto do conxunto.
Posúe pórtico na fachada principal e sobre esta unha espadana de dous corpos e tres vanos.
Esta edificación garda no seu interior un retablo maior procedente da Igrexa de San Pedro de Alcántara tras a desamortización desta. Trátase dunha obra de estilo Barroco que foi preciso desmontar en dúas partes para poder adaptalo á súa nova localización. A parte baixa do retablo é o altar maior e o segundo corpo está situado á esquerda de xeito independente. A imaxinería que contén é a que posuía e así atopamos tallas co hábito da reforma alcantarina como é o caso dun San Bernaldino. Outras imaxes son a Virxe do Rosario ou San Francisco.
Tamén garda un segundo altar, procedente de Alcántara, de estilo barroco coas imaxes de San Pedro e San Paulo.
O antigo retablo maior desta igrexa está colocado no muro dereito da nave. No muro esquerdo atopamos outro retablo do século XIX.